Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xuño de 2018

E... que ninguén marche con Lareca!

Arte, cultura, oficios, comida, fame... o cociña da Escola de Artes e Oficios prendeu os fogóns dos obradoiros para encher de viandas a noso Espazo EMAO. Ao redor da mesa, alumnado e profesorado prepararon potas e tixolas, e cos ingredientes do seu oficio: interdisciplinariedade, cooperación, creatividade e excelencia técnica, obraron un bo menú. Un menú fabricado de excesos e faltas, de enchentas e baleiros, de propostas nutricias e da fame, esa ausencia.
Aquí poderedes degustar polbo de otomán, refugallos de arxila rescatados dun colector, glutamato monosódico recén serigrafiado, farturas de madeira tallada, comida-lixo a bolígrafo, rotring e acuarela, e contemplar a cuchipanda de Cotán, imaxinar bodegóns comestibles de gaitas e zanfonas, usar cubertos de prata, latón e cobre nuns aquelados pratos de coiro de poldro galego e a maxia de transformar Mc en Wc encaixando fíos de algodón e lá. 
Proxecto 2018 
Dentro da programación anual da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, prevese, ao remate de cada curso académico, a producción dunha exposición dos resultados materiais e simbólicos dun proxecto --proposto anualmente no claustro do profesorado- que partindo dunha idea xeradora única, interpretada libremente, dea lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Sobre a idea xeradora contida na frase Que ninguén marche con Lareca agromaron neste curso os proxectos creativos, retos técnicos e obras concretas que agora amosamos. Trátase, novamente, da coidada exposición de productos creativos desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.

... E se acudides o día da inauguración da exposición, poderedes colaborar cos vosos productos --estes si ben comestibles- na Operación kilo, no posto que a tal efecto montará no vestíbulo de entrada do Espazo EMAO o Banco de Alimentos de Vigo.

Comisariado: Pepe Pereira e Alba Pardo, mestres de Artesanía en Coiro e de Serigrafía artística da EMAO
Especialidades participantes: Serigrafía artística, Debuxo artístico, Pintura, Artesanía en Coiro, Deseño e encaixe de palillos, Ourivaría, CAIM Gaita e Zanfona, Moda e confección, Cerámica artística, Talla e escultura en madeira.
Cartaz: Jacobo Fernández, mestre de Pintura da EMAO
Produción e montaxe: Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Coordinación: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Axudante de montaxe: Alberto Couñago
Colabora: Banco de alimentos de Vigo

luns, 18 de decembro de 2017

Too Vintage

Proxecto de Silvia Represas Portela para a exposición Proxectos 2017 do espazo EMAO.
Too vintage
Serigrafía cerámica.

Too Vintage xira entorno ao obxecto artístico ou de deseño asociado coa idea do merchandising. A miña serie de ilustracións baséase nas novas tendencias de recuperación do vintage, cunha estética steampunk. O lema é "non hai nada máis vintage que un dinosaurio".
Too Vintange componse dunha serie de ilustracións serigrafadas a 8 tintas aplicadas sobre porcelana con calcas cerámicas que representan dinosaurios ornamentados con ouriveiría de inspiración vintage ( finais do s.XIX principios do século XX).






martes, 12 de decembro de 2017

Exposición "EMAO Proxectos 2017"

Título: EMAO, Proxectos 2017
Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).
Datas: do 10 de novembro de 2017 ao 15 de xaneiro de 2018
Horario: de 19:00 a 21:00 horas, días laborables
Inauguración: venres, 10 de novembro ás 19:00 h

O Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), aprobado polo Concello no ano 2015, implementou un novo e derradeiro curso dentro do currículum de cada especialidade, o nivel Avanzado, destinado a completar a formación técnica e artística do alumnado mediante a redacción, selección e posterior desenvolvemento dun proxecto titorizado polo mestre de cada especialidade.

A Mostra no Espazo EMAO (sala de exposicións da Escola) recolle o producto final do desenvolvemento dos proxectos correspondentes á convocatoria do curso 2016-2017, nesta ocasión das especialidades de Cerámica artística, Serigrafía artística, Ourivaría, Talla e escultura en madeira, Pintura, Debuxo artístico, Artesanía en coiro, Encadernación e Moda e confección

Un total de 40 obras de grande calidade, que supoñen a plasmación material da formación recibida na Escola e, en concreto, dun ano de traballo no Curso Avanzado. Refléxanse nas obras expostas os procesos de investigación, formación, conceptualización e fabricación executados baixo as premisas dos eixes principais sobre os que pivota a actividade educativa e cultural da EMAO: a excelencia técnica, a creatividade e a transversalidade.

Comisariado: Sandra de Jesús e Emma Pintos, mestras das especialidades de Ourivaría e de Moda na EMAO
Produción e montaxe: Profesorado e alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Cartel: Federico Fernández, mestre de Debuxo artístico da EMAO
Coordinación: Rafael Ojea
Axudante de montaxe: Alberto Couñago

Algunhas imaxes da inauguración:  











 

venres, 28 de xullo de 2017

A RENTES DO CHAN

Realizado polo alumnado de Superior e Perfeccionamento 1 de Serigrafía Artística para a exposición Proceso Público.
Intervención no espazo arquitectónico que amosa o proceso serigráfico facendo partícipe ao expectador que pode interactuar coa obra mediante a anamorfose, unha imaxe deformada que recupera a súa forma ao mirala dende un determinado ángulo sinalado no chan. A partir de motivos xeométricos e decorativos do edificio da escola, o alumnado traballou nunha serie de imaxes a modo de baldosas que se estamparon tanto no interior coma no exterior do edificio. Tamén hai unha imaxe central que convida ao xogo indoicando ao expectador que pode situarse na sinal do chan para apreciar a imaxe anamórfica e outra persoa pode situarse na outra marca do chan dentro da imaxe. parecerá que a persoa está serigrafiando o chan grazas ao efecto óptico producido.

Magnífico traballo realizado polo alumnado dos cursos Superior e Perfeccionamento I: 
Ana María Camino, Cecilia Cruz, Patricia García, Esperanza González, Nekane Pellón, Borja Portela, Verónica Vázquez, María Villanueva, Raúl Bermúdez, Mª José Lledo (Jacki), María Rodríguez, Manuel Vicente. 
Noraboa a todos eles, gran equipo!
 
Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2017 (agosto pechado)
Inauguración 30 de xuño ás 19:30 horas
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas




Motivos xeométricos para as baldosas inspirados nos motivos decorativos do edificio da escola

 

Imaxes do proceso:



No interior da sala de exposicións hai un video no que se amosa todo o proceso :