Inauguración: 20 de xuño ás 19:00 horas
Datas: 20 de xuño a 8 de outubro de 2014 (agosto pechada)
Horario: laborables de 19:00 a 21:00 horas
Lugar: Espazo EMAO (entradas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Idea, produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Comisariado: Marián Núñez e Alba Pardo (mestras de Encaixe de Palillos e Serigrafía artística na EMAO)
Tras a apertura, no ano 2011, da nova Sala de exposición
da Escola de Artes e Oficios, o Espazo EMAO, quixemos que este servise
de lugar para a expresión, tanto da historia da nosa centenaria Escola
como da capacidade e iniciativa artesá e creativa do seu profesorado e
alumnado. Desde aquela data, son, con esta, 12 exposicións que demostran a consolidación deste espazo que o Concello de Vigo, a través da EMAO, ofrece á cidade.
Da reflexión
sobre o uso e ocupación deste singular espazo, xurdiu, en 2013, a
iniciativa de mostrar, ao remate de cada curso académico, os resultados
materiais e simbólicos dun proxecto que, proposto anualmente no claustro
do profesorado, partise dunha idea xeradora única para que,
interpretada libremente, dese lugar ao despregue do traballo,
imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Esta idea xeratriz, foi, en 2013, Branco e negro: primeira das exposicións dunha serie con vocación de periodicidade e permanencia.
A principios do
curso 2013-2014, seleccionouse unha nova idea, xerouse unha frase da que
agromasen pequenos proxectos creativos, desenvolvidos coa participación
do alumnado dos talleres, a partir dunha iniciativa individual ou
colectiva, pero, en todo caso, asumida por toda a clase.
Con Novos produtos
establecíase o reto de xogar co equívoco, coa sorpresa, co non-obvio,
coa ironía, o absurdo ou, sobre todo, coa experimentación co que, non
por ser inhabitual, deixa de ser posible... mesmo útil, pero, en todo
caso, suscitante do interese dos seus artífices e do espectador.
Xogar con
materiais distintos, extremar a lectura dos obxectos, fuxir do meramente
denotativo para establecer diverxencias, connotacións, terceiras vías,
pasos cambiados, ese era o reto.
A idea inicial
transfórmase así, a través da visión e vivencia particular de cada
taller e de cada individualidade, nunha explosión controlada de
obxectos, irónicos uns, radicais ou reivindicativos do efémero,
demostrativos do poliédrico do cotián, outros; coa procura da excelencia
artesá e creativa, todos.
Obxectos e
instalacións que poñen de manifesto, nesta mostra, a riqueza do proceso
de aprendizaxe na EMAO, máis alá das técnicas curriculares ou de modelos
preconcibidos.
Novos produtos
sitúase así, na contemporaneidade que corresponde a unha Escola que
vive e se alimenta do seu tempo, que non esquece o seu pasado
centenario, pero que é reflexo, e quere reflectir, a realidade complexa
que a circunda e na que está, cremos e queremos, definitivamente
inserida.
Novos produtos sitúa
o espectador non só na pregunta e goce do que ten agora diante, senón
tamén, iso pretendemos, na curiosidade e expectativa: que nos amosará a
Escola de Artes e Oficios viguesa en 2015?. Estean atentos.
Rafael Ojea, director en funcións da EMAO
Ningún comentario:
Publicar un comentario