venres, 28 de xullo de 2017

A RENTES DO CHAN

Realizado polo alumnado de Superior e Perfeccionamento 1 de Serigrafía Artística para a exposición Proceso Público.
Intervención no espazo arquitectónico que amosa o proceso serigráfico facendo partícipe ao expectador que pode interactuar coa obra mediante a anamorfose, unha imaxe deformada que recupera a súa forma ao mirala dende un determinado ángulo sinalado no chan. A partir de motivos xeométricos e decorativos do edificio da escola, o alumnado traballou nunha serie de imaxes a modo de baldosas que se estamparon tanto no interior coma no exterior do edificio. Tamén hai unha imaxe central que convida ao xogo indoicando ao expectador que pode situarse na sinal do chan para apreciar a imaxe anamórfica e outra persoa pode situarse na outra marca do chan dentro da imaxe. parecerá que a persoa está serigrafiando o chan grazas ao efecto óptico producido.







Motivos xeométricos para as baldosas inspirados nos motivos decorativos do edificio da escola

 

Imaxes do proceso:












Exposición: "Proceso público" (Proxecto EMAO 2017)

Exposición: "Proceso público" 

(Proxecto EMAO 2017). Catálogo

Esta exposición insírese na programación do Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo) que contempla a realización dun proxecto expositivo singular ao remate do curso académico. Esta proposta racha coa clásica exhibición de traballos individuais do alumnado, para adentrarse no eido da transversalidade e o traballo creativo e artesano en común entre alumnado e profesorado como unha tarefa paralela á propia da aprendizaxe nas aulas e talleres. O resultado que se exhibe ten a súa orixe nas posibilidades expansivas dunha soa idea xeradora para todas as especialidades da Escola que, de forma aberta, constrúen pezas derivadas e artellan unha montaxe específica para amosalas.

Nesta ocasión, a idea xeratriz planteada como reto aos talleres foi a de Proceso público. Entendeuse esta idea baixo dúas premisas: darlle valor aos procesos de construción que se levan a cabo para crear as distintas obras e establecer a relación das obras co espazo público e a intervención sobre el.

Destes dous elementos de partida, cada especialidade levou ao seu terreo a proposta Proceso Público cun resultado variado e extenso: hai obras que integran o significado literal do título da exposición, outras amosan e céntranse no proceso de construción (despeces, pasos construtivos, ferramentas, resultados e obxectivos ...) e outras son construídas especialmente para intervir e dialogar co espazo público.

A maior parte das obras expóñense dentro no Espazo Emao e outras, ademais de ter representación na sala, interveñen sobre distintos espazos públicos. Son a peza de Debuxo construída para o aparcadoiro de bicicletas da Rúa Pontevedra, a de Deseño e encaixe de palillos instalada no vestíbulo da escola, porta principal, ou a de Serigrafía que invade e dialoga co público no vestíbulo da propia sala de exposicións.

A exposición, como é habitual na nosa programación, está producida integramente pola EMAO, poñendo en valor os seus recursos persoais e materiais nunha nova demostración da capacidade da institución de realizar e expoñer productos de alta calidade. No labor expositivo anual da EMAO plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2017 (agosto pechado)
Inauguración 30 de xuño ás 19:30 horas
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas

Créditos:

Comisariado: Sandra de Jesús e Emma González, mestras da EMAO de Ourivaría e de Moda
Coordinación xeral: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Produción e deseño: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) 2017
Cartel: Federico Fernández, mestre de Debuxo artístico da EMAO
Montaxe: Mestres/as e alumnado da EMAO de Cerámica, Moda e confección, Ourivaría, Debuxo, Talla e escultura en madeira, Serigrafía, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos, CAIM (Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais) de Luthería, Gaita e Zanfona
Axudante de montaxe: Alberto Couñago

mércores, 26 de xullo de 2017

Monográfico de estampación e confección téxtil



 Xa rematamos o monográfico sobre Estampación e Confección téxtil de 30 horas, interdisciplinariedade entre os obradoiros de Serigrafía e Moda e confección.
O tema elexido como punto de partida para traballar foi a intervención urbana realizada polo obradoiro de Debuxo da escola para a exposición Espazo Público ( podes ver o catálogo da expo aquí). O alumnado debuxou bicicletas do natural e con ese motivo crearon un panelado para o aparcadoiro de bicis da rúa Pontevedra.
Con eses debuxos o alumnado do monográfico serigrafiou tecidos e logo confeccionaron algo con eles. Estas son as fotos do resultado, esperamos que vos gusten!: