xoves, 10 de xullo de 2014

Exposición Novos Produtos






  Datas: 20 de xuño a 8 de outubro de 2014 (agosto pechada)

Horario: laborables de 19:00 a 21:00 horas

Lugar: Espazo EMAO (entradas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)

Idea, produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Comisariado: Marián Núñez e Alba Pardo (mestras de Encaixe de Palillos e Serigrafía artística na EMAO)
 Tras a apertura, no ano 2011, da nova Sala de exposición da Escola de Artes e Oficios, o Espazo EMAO, quixemos que este servise de lugar para a expresión, tanto da historia da nosa centenaria Escola como da capacidade e iniciativa artesá e creativa do seu profesorado e alumnado. Desde aquela data, son, con esta, 12 exposicións que demostran a consolidación deste espazo que o Concello de Vigo, a través da EMAO, ofrece á cidade.
Da reflexión sobre o uso e ocupación deste singular espazo, xurdiu, en 2013, a iniciativa de mostrar, ao remate de cada curso académico, os resultados materiais e simbólicos dun proxecto que, proposto anualmente no claustro do profesorado, partise  dunha idea xeradora única para que, interpretada libremente, dese lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Esta idea xeratriz, foi, en 2013, Branco e negro: primeira das exposicións dunha serie con vocación de periodicidade e permanencia.
A principios do curso 2013-2014, seleccionouse unha nova idea, xerouse unha frase da que agromasen pequenos proxectos creativos, desenvolvidos coa participación do alumnado dos talleres, a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, asumida por toda a clase.
Con Novos produtos establecíase o reto de xogar co equívoco, coa sorpresa, co non-obvio, coa ironía, o absurdo ou, sobre todo, coa experimentación co que, non por ser inhabitual, deixa de ser posible... mesmo útil, pero, en todo caso, suscitante do interese dos seus artífices e do espectador.
Xogar con materiais distintos, extremar a lectura dos obxectos, fuxir do meramente denotativo para establecer diverxencias, connotacións, terceiras vías, pasos cambiados, ese era o reto.
A idea inicial transfórmase así, a través da visión e vivencia particular de cada taller e de cada individualidade, nunha explosión controlada de obxectos, irónicos uns, radicais ou reivindicativos do efémero, demostrativos do poliédrico do cotián, outros; coa procura da excelencia artesá e creativa, todos.
Obxectos e instalacións que poñen de manifesto, nesta mostra, a riqueza do proceso de aprendizaxe na EMAO, máis alá das técnicas curriculares ou de modelos preconcibidos.
Novos produtos sitúase así, na contemporaneidade que corresponde a unha Escola que vive e se alimenta do seu tempo, que non esquece o seu pasado centenario, pero que é reflexo, e quere reflectir, a realidade complexa que a circunda e na que está, cremos e queremos, definitivamente inserida.

Novos produtos sitúa o espectador non só na pregunta e goce do que ten agora diante, senón tamén, iso pretendemos, na curiosidade e expectativa: que nos amosará a Escola de Artes e Oficios viguesa en 2015?. Estean atentos.



PLANTA BAIXA :
DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS
 Título: Praia imposible
Materiais: Plástico
Técnica: Encaixe de palillos



MODA E CONFECCIÓN
TÍTULO: A PRINCESA DE PAPEL
MATERIAIS: CARTÓN DE PATRÓN, SABA HIPOALERXÉNICA TINGUIDA CON BETADINE
DIMENSIÓNS: VARIABLES



ENCUADERNACIÓN

TÍTULO: O LIBRO ENFERMO
MATERIAIS: MATERIAL QUIRÚRXICO ( GASAS, VÍAS...) PAPEL E CARTÓN
DIMENSIÓNS: A5

ARTESANÍA EN  COIRO
Dende o obradoiro de “Artesanía en Coiro”, lle puxemos un engadido ó título de esta exposición, “Novos Productos, Vellos Coñecidos”. Nos tempos que estamos a vivir, a idea que queremos transmitir é que moitas veces perdemos o tempo ou gastamos os cartos en algo, tendo preto de nos moitas cousas que que servirnos para o mesmo, o que tratamos é de darlle un novo uso ás cousas que temos preto, non se trata nin do low cost, nin do reciclaxe, senon dun “made in feito na casa”, pero ben feito e probado.
Obtemos de este modo tintes totalmente caseiros e permanentes, como os de bicarbonato ou oxido, un garfo de mesa como ferramenta decorativa e de costura, unha broca de taladro vella que se transforma nun mateador ou uns botóns esquecidos que sirven para decorar coa impronta que deixa no coiro…
Algunhas das ideas destes “Novos Productos” son fruto do noso obradoiro, outros, son heredados de xente como Serge Volken ou doados por outros como Michael Nadeau.

Título : Quen me pon a prensa enriba para que non levante textura.
Materiais: Prensa caseira, coiro, parrilla metálica, antideslizante de Ikea, malla plástica de xardín.
 ESCULTURA E TALLA EN MADEIRA
TÍTULO: WERTIDOS
INSTALACIÓN ARTÍSTICA A PARTIR DO CONCEPTO DO LIBRO DE ARTISTA
CERÁMICA

TÍTULO: COME SE PODES
MATERIAIS: LOUZA E TEXIDO DE ALGODÓN
DIMENSIÓNS: 50 cm ancho x 12 cm alto

 DEBUXO
  CAIM GAITA
LUTHERÍA ANTIGA
 PLANTA 1 :
 PINTURA
OURIVERÍA

 CAIM ZANFONA
Vintetantas técolas é unha especie de trivial sobre coñecementos da zanfona , gaña o que sexa capaz de respostar correctamente ás preguntas e ir acumulando pezas de zanfona ata completar o instrumento.
 SERIGRAFÍA ARTÍSTICA
 Para a exposición de Novos Produtos o obradoiro de Serigrafía presentou varios traballos usando materiais efémeros e comestibles:  Ars Serigraphica e Comendo de etiqueta .
En  Comendo de etiqueta xogamos co contido e co continente , coa comida e a súa embalaxe e presentación. Neste caso a comida ( o flan e o iogur ) están feitos de resina e o que é comestible son as etiquetas dos produtos que están feitos de serigrafía de tinta comestible sobre pasta de azucre
 Ars Serigraphica é unha serie de serigrafías a modo de tratado anatómico do brazo dun serígrafo . As serigrafías están feitas de chocolate sobre oblea .Podes ver máis sobre o proceso de cómo fixemos serigrafías de chocolate sobre oblea aquí :http://serigrafiaemao.blogspot.com.es/2014/06/proceso-das-serigrafias-de-chocolate.html



...

Ningún comentario:

Publicar un comentario