Exposición: "Proceso público"
(Proxecto EMAO 2017). Catálogo
Esta exposición insírese na programación do Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo)
que contempla a realización dun proxecto expositivo singular ao remate
do curso académico. Esta proposta racha coa clásica exhibición de
traballos individuais do alumnado, para adentrarse no eido da
transversalidade e o traballo creativo e artesano en común entre
alumnado e profesorado como unha tarefa paralela á propia da aprendizaxe
nas aulas e talleres. O resultado que se exhibe ten a súa orixe nas
posibilidades expansivas dunha soa idea xeradora para todas as
especialidades da Escola que, de forma aberta, constrúen pezas derivadas
e artellan unha montaxe específica para amosalas.
Nesta ocasión, a idea xeratriz planteada como reto aos talleres foi a de Proceso público.
Entendeuse esta idea baixo dúas premisas: darlle valor aos procesos de
construción que se levan a cabo para crear as distintas obras e
establecer a relación das obras co espazo público e a intervención sobre
el.
Destes dous elementos de partida, cada especialidade levou ao seu terreo a proposta Proceso Público
cun resultado variado e extenso: hai obras que integran o significado
literal do título da exposición, outras amosan e céntranse no proceso de
construción (despeces, pasos construtivos, ferramentas, resultados e
obxectivos ...) e outras son construídas especialmente para intervir e
dialogar co espazo público.
A maior parte das obras expóñense dentro no Espazo Emao e outras,
ademais de ter representación na sala, interveñen sobre distintos
espazos públicos. Son a peza de Debuxo construída para o aparcadoiro de
bicicletas da Rúa Pontevedra, a de Deseño e encaixe de palillos
instalada no vestíbulo da escola, porta principal, ou a de Serigrafía
que invade e dialoga co público no vestíbulo da propia sala de
exposicións.
A exposición, como é habitual na nosa programación, está producida
integramente pola EMAO, poñendo en valor os seus recursos persoais e
materiais nunha nova demostración da capacidade da institución de
realizar e expoñer productos de alta calidade. No labor expositivo anual
da EMAO plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e
creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2017 (agosto pechado)
Inauguración 30 de xuño ás 19:30 horas
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas
Créditos:
Comisariado: Sandra de Jesús e Emma González, mestras da EMAO de Ourivaría e de Moda
Coordinación xeral: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Produción e deseño: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) 2017
Cartel: Federico Fernández, mestre de Debuxo artístico da EMAO
Montaxe: Mestres/as e alumnado da EMAO de Cerámica, Moda e
confección, Ourivaría, Debuxo, Talla e escultura en madeira, Serigrafía,
Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos, CAIM (Construcción
Artesanal de Instrumentos Musicais) de Luthería, Gaita e Zanfona
Axudante de montaxe: Alberto Couñago
Ningún comentario:
Publicar un comentario