Amosando publicacións coa etiqueta espazo EMAO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta espazo EMAO. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de xullo de 2018

E621

Traballo da especialidade de Serigrafía Artística para a exposición " Que ninguén marche con lareca".




Algunhas fotos do proceso:




CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN QUE NINGUÉN MARCHE CON LARECA
Descárgao cun Clic sobre ela, ou escanea esta imaxe co teu dispositivo móbil e lector de códigos QR



xoves, 28 de xuño de 2018

E... que ninguén marche con Lareca!

Arte, cultura, oficios, comida, fame... o cociña da Escola de Artes e Oficios prendeu os fogóns dos obradoiros para encher de viandas a noso Espazo EMAO. Ao redor da mesa, alumnado e profesorado prepararon potas e tixolas, e cos ingredientes do seu oficio: interdisciplinariedade, cooperación, creatividade e excelencia técnica, obraron un bo menú. Un menú fabricado de excesos e faltas, de enchentas e baleiros, de propostas nutricias e da fame, esa ausencia.
Aquí poderedes degustar polbo de otomán, refugallos de arxila rescatados dun colector, glutamato monosódico recén serigrafiado, farturas de madeira tallada, comida-lixo a bolígrafo, rotring e acuarela, e contemplar a cuchipanda de Cotán, imaxinar bodegóns comestibles de gaitas e zanfonas, usar cubertos de prata, latón e cobre nuns aquelados pratos de coiro de poldro galego e a maxia de transformar Mc en Wc encaixando fíos de algodón e lá. 
Proxecto 2018 
Dentro da programación anual da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, prevese, ao remate de cada curso académico, a producción dunha exposición dos resultados materiais e simbólicos dun proxecto --proposto anualmente no claustro do profesorado- que partindo dunha idea xeradora única, interpretada libremente, dea lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Sobre a idea xeradora contida na frase Que ninguén marche con Lareca agromaron neste curso os proxectos creativos, retos técnicos e obras concretas que agora amosamos. Trátase, novamente, da coidada exposición de productos creativos desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.

... E se acudides o día da inauguración da exposición, poderedes colaborar cos vosos productos --estes si ben comestibles- na Operación kilo, no posto que a tal efecto montará no vestíbulo de entrada do Espazo EMAO o Banco de Alimentos de Vigo.

Comisariado: Pepe Pereira e Alba Pardo, mestres de Artesanía en Coiro e de Serigrafía artística da EMAO
Especialidades participantes: Serigrafía artística, Debuxo artístico, Pintura, Artesanía en Coiro, Deseño e encaixe de palillos, Ourivaría, CAIM Gaita e Zanfona, Moda e confección, Cerámica artística, Talla e escultura en madeira.
Cartaz: Jacobo Fernández, mestre de Pintura da EMAO
Produción e montaxe: Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Coordinación: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Axudante de montaxe: Alberto Couñago
Colabora: Banco de alimentos de Vigo

venres, 12 de xaneiro de 2018

A túa pel




A túa pel
Proxecto de Alba Troiteiro
Exposición Proxectos 2017. Espazo EMAO.

Xogo co velar e o revelar, expansión do pano ao corpo. Falar da segunda pel mediante serigrafía corporal.

Elaboración dun pano artesanal realizado con técnicas de serigrafía artesanal e kalamkari. 
Para a foto performance contouse coa colaboración do fotógrafo Miguel Vidal, o grupo de danza contemporánea Plácido Domingo e a artista Avigráfica.




xoves, 28 de decembro de 2017

Keep on Rockin in the shirt world

 

Keep on Rockin,in the shirt world
Proxecto de Isa Alabama
9 camisas enmarcadas. Serigrafía téxtil
Exposición Proxectos 2017. Espazo EMAO

 Neste proxecto Isa aúna a súa paixón pola música e o cinema co deseño de estampados para serigrafía téxtil creando a marca: https://www.isala-silkscreen.com/
Cinema Independente como The Warriors, Blow Up ou Zachariah e bandas musicais de culto como A Velvet Underground, Motorhead ou Bowie, inspiran conceptos que se plasman en camisas dende o estilo Rodeo western Americano ata o Mod da subcultura británica. O  rockabilly, country ou punkrock son xéneros  influenciados por esta estética e este coctel de conceptos, xéneros, estilos e culturas que dan forma a isala-silkscreen.com




 

luns, 18 de decembro de 2017

Too Vintage

Proxecto de Silvia Represas Portela para a exposición Proxectos 2017 do espazo EMAO.
Too vintage
Serigrafía cerámica.

Too Vintage xira entorno ao obxecto artístico ou de deseño asociado coa idea do merchandising. A miña serie de ilustracións baséase nas novas tendencias de recuperación do vintage, cunha estética steampunk. O lema é "non hai nada máis vintage que un dinosaurio".
Too Vintange componse dunha serie de ilustracións serigrafadas a 8 tintas aplicadas sobre porcelana con calcas cerámicas que representan dinosaurios ornamentados con ouriveiría de inspiración vintage ( finais do s.XIX principios do século XX).