O papel da máquina de escribir na
oficina, a importancia dos talleres de restauración ou a relación entre o
universo das máquinas de escribir e o deseño contemporáneo, son algúns
dos eixes temáticos a partires dos cales se estrutura a mostra. A
exposición intérnase tamén en fitos importantísimos da historia da
máquina de escribir no mundo e no noso país, como o xurdir da división
dedicada á fabricación da casa Remington, a importancia da casa
Underwood, a posta en funcionamento da fábrica da máquina
Hispano-Olivetti en España ou a aparición das máquinas de escribir
eléctricas, e a revolución que significou a aportación da empresa IBM
coa súa máquina de bola para o desenvolvemento da máquina de escribir
nas últimas décadas da súa existencia.
Exemplares como unha Malling Hansen
danesa do ano 1867, a Hogar modelo index fabricada en Alacant no 1921,
un exemplar da International Electromatic modelo Hektowriter de 1933 ou
unha das Type Writer de Sholes & Glidden fabricada en 1873, son
algunhas das máquinas que poderán admirarse na exposición. Xunto a isto,
pósters, ferramentas, libros, pezas de artista e moitos outros
elementos relativos ao universo das máquinas completan a mostra.
A mostra tamén conta cun espazo dedicado
ao póster que deixa entrever como as máquinas non só gardan valor pola
súa calidade estética e a historia que albergan, senón porque arredor
delas construíuse durante décadas un universo estético no que
participaron algúns dos máis importantes deseñadores gráficos do seu
tempo, dando lugar a interesantes imaxes publicitarias que poboaban os
espazos de tendas e oficinas e que hoxe en día son un documento
interesantísimo en canto á súa capacidade de reflectir o gusto e as
modas das distintas décadas que viviron a súa historia.
Esta exposición está construída a
partires da Colección Sirvent, unha das máis importantes coleccións
españolas e internacionais entorno ao universo da máquina de escribir. O
10 de agosto de 1940, e despois de ter dedicado anos ao traballo na
delegación española da empresa americana Underwood, Alfredo Sirvent
abriu na cidade de Vigo un taller de mantemento e servizo técnico de
máquinas de escribir. Vinte anos máis tarde, o seu espazo xa se
convertera nun lugar clave en todo o relacionado cos servizos técnicos
arredor da escritura, como a mecanografía, o aluguer de máquinas, o
mantemento e a restauración. Desa actividade, e da paixón contaxiada aos
seus fillos, xurde a Colección Sirvent, unha colección que abrangue non
só arredor das 4.000 máquinas de escribir, senón que tamén garda un
gran núcleo de carteis e obxectos relacionados coa súa venda, promoción,
utilización e reparación, así como moitos elementos que teñen que ver
coa máquina como produto e coa influencia da súa imaxe na estética do
século XX.
Enlace web á exposición Folleto colección Sirvent
Enlace ao video da TVG
Ningún comentario:
Publicar un comentario