luns, 23 de marzo de 2015

Visita á exposición " Salvador Dalí, contador de historias"



A semana pasada visitamos a exposición "Salvador Dalí, contador de historias". Deixo aquí o enlace e algunhas fotos da saída e do obradoiro . http://www.afundacion.org/ga/evento/exposicion_salvador_dali._contador_de_historias.

SALVADOR DALÍ, CONTADOR DE HISTORIAS
Unha das facetas máis descoñecidas de Salvador Dalí (Figueres, 1904-1989) é a de gravador. Do mesmo xeito que na pintura, na arte gráfica Dalí plasmou a súa persoal iconografía, deixando nas súas estampas unha obsesión polos detalles. As imaxes que nos ofrece nesta exposición explican a comedia humana, o comportamento ridículo, pero non menos real, do home no mundo e na historia.
Conforman a exposición setenta e dous gravados e estampas, pertencentes aos chamados Ciclos literarios de Dalí, nos que o artista copiou e recreou obras literarias universais achegando a súa particular visión e interpretación.
Les songes drolatiques de Pantagruel, 1973
Nesta serie de vinte e cinco litografías Dalí recrea as ilustracións que François Desprez realizou sobre o ciclo Pantagruel de François Rabelais para a edición que en 1565 publicou Richard Breton en París.
Mirar as ilustracións de Dalí sobre a afamada obra de François Rabelais supón un esforzo intelectual que nos leva e obriga, en primeiro lugar, a considerar o chamado Pantagruel coa finalidade e propósito con que foi escrito no século XVI. E é que os libros de Rabelais son máis ca novelas de entretemento, constitúen unha sátira feroz contra as institucións máis respectadas do seu tempo, todo iso a través dun aire despreocupado, reflexo do seu xeito persoal de entender a vida e de comportarse nela.
Son estas fantasías ilustradas as que nos transportan á comedia da vida, pero a unha comedia pouco divina por ser plenamente humana. E así, estas imaxes convértense en caprichos do autor, nunha estética moi personalizada que traduce o artista e na que quere manifestar un espírito propio e individual que, aínda que Rabelais o propón na súa literatura satírica, agora na estampa, Dalí quere definir por esperpentos visuais.
Le bestiaire de La Fontaine dalinisé, 1974
As doce fábulas que nos presenta Salvador Dalí, seguindo a Jean de La Fontaine, toman polo xeral a súa fonte no sempre citado Esopo. Na súa catalogación, presentamos o título de cada unha delas, consideramos a súa fonte e propoñemos a consecuencia moral que se deriva como sentenza.
A serie comeza cun retrato do fabulista francés, onde o artista catalán toma como modelo a pintura de Hyacinthe Rigaud que fora gravada por Ferdinand Delannoy. Habemos de reparar na figura que máis influíu no mestre catalán para a construción destas creacións. Do mesmo xeito que François Desprez para Pantagruel, aparece neste caso o gravador francés Jean Grandville (1803-1847), cuxas láminas para as fábulas de La Fontaine coñecémolas na edición do ano 1855.
Jean Grandville é un artista que a través das súas imaxes establece unha crítica social e política á monarquía, toda unha sátira onde se dá saída a elementos oníricos e irreais. Non estraña que a obra gravada de Grandville fora moi valorada polos surrealistas e, entre eles, por Salvador Dalí, pois cinco das súas doce láminas presentan unha singular correspondencia. En Dalí chama a atención a ruptura do canon, a proporcionalidade e a esaxeración das extremidades nas súas figuras. Neste aspecto, preséntase como un gran mestre do debuxo, como claro manierista onde a visión persoal domina e supera a recreación fenoménica ou meramente natural.
El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha de Miguel de Cervantes, 1957-1958
As estampas que se presentan forman parte da publicación de Bos Aires pola editorial Emecé (1957-1958) que fora titulada El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha. O primeiro volume desta edición foi ilustrado por Salvador Dalí con dez láminas en acuarela a cor estampadas en offset e trinta debuxos en branco e negro con proceso fotomecánico. Convén precisar que, con anterioridade, estas láminas foron publicadas nunha edición de Random House (Nova York, 1946) co título El Quixote e coas ilustracións presentadas a dobre páxina.
Dalí coñecía sobradamente diferentes fontes ilustradas sobre o Quixote, pois as súas formulacións na composición supoñen unha interpretación persoal de detalles e figuras xa establecidas con anterioridade. Aínda que a fonte gráfica non é tan directa coma na súa Pantagruel, dedúcense con claridade invencións xa establecidas no tempo. Dalí debuxa un heroe dinámico, que plasma en moitos casos só coa súa figura, sen artificios nin motivos de fondo. As súas estampas están cheas de expresividade, contrastando a imaxe austera e alongada do Quixote coas corpulentas e voluminosas figuras do resto de personaxes.

Algunhas fotos da expo: 

A raíña Gargamelle embarazada, coxa e vestida de Bretoa. 1973. Litografía sobre papel xaponés

Don Quixote e o helmo de Mambrino. Acuarela estampada en offset. Museo do Gravado de Artes

Don Quixote e Sancho chegan a unha pousada. Don Quixote e o helmo de Mambrino. A aventura da noite con Maritornes. Lámina con debuxos estampados en proceso fotomecánico.
Don Quixote e Sancho . Lámina con dous debuxos estampados en proceso fotomecánico.






Despois de visitar a exposición fixemos un pequeno obradoiro sobre surrealismo. Algunhas fotos dos collages resultantes :

 



Ningún comentario:

Publicar un comentario