xoves, 7 de maio de 2015

Novo plan de estudos para a escola

No enlace da biblioteca tedes colgado un post sobre o novo plan de estudos da escola :

A Xunta Rectora do Organismo Autónomo Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, en sesión de 16 de abril de 2015, acordou aprobar onovo Plan de Estudos da EMAO, que será implantado a partir do curso 2015-2016.

Este Plan de Estudos vén substituir ao Plan de Normalización Curricular (PNC) aprobado pola mesma Xunta no ano 2008, que xa prevía, daquela, a necesidade da redación dun novo marco curricular posterior á fase normalizadora que se puxo en marcha naquel ano.

A EMAO defínese na documentación deste novo Plan de Estudos como "un Centro municipal dependente do Concello de Vigo, de carácter educativo e socio-cultural, que ten como ocupación principal a formación non regrada de persoas adultas en materia de Artes e Oficios artísticos, e, relacionada con esta, a investigación, dinamización e difusión da cultura, dos valores e os coñecementos artísticos e artesanos para o conxunto da poboación".

O Plan de Estudos 2015, mantén as mesmas especialidades actuais da Escola, agrupándoas en Área artística (Debuxo artístico e Pintura), Oficios artísticos (Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de Palillos, Serigrafía artística, Cerámica artística, Ourivería, Artesanía en coiro, Encadernación artística e Moda e confección),  e Oficios artesanos (Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM-: Gaita, Zanfona e Luthería antiga)

O novo Plan introduce entre outras novidades cambios na duración e intensidade dos estudos dalgunhas especialidades, que pasan a ter unha carga semanal de 10 horas en dous días (en lugar de 5 horas como ata o de agora), durante dous cursos académicos. Introdúcese, así mesmo, un novo nivel para todas as especialidades, o Curso Avanzado, de carácter optativo coa presentación dun proxecto de fin de estudos que se desenvolverá presencialmente coa titoría do mestre/a da especialidade.

A documentación principal do novo Plan de Estudos pódese consultar íntegra na web do Concello de Vigo, no seu apartado adicado á área de Educación-Escola Municipal de Artes e Oficios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario