venres, 13 de novembro de 2015

Exposición no Espazo EMAO: Proxectos 2015


Dentro das medidas implementadas no Plan de Estudos da Escola(1), deseñouse, para o alumnado que remataba os seus estudos nas distintas especialidades, a opción Aula Aberta-Proxectos. Nela ofrecíaselle a posibilidade de desenvolver, durante un ano, un proxecto de carácter persoal no que plasmar as aprendizaxes e inquedanzas do seu paso pola especialidade cursada na Escola.

Este proxecto individual --seleccionado previamente polo seu mestre/a, e supervisado por el/ela durante o seu desenvolvemento posterior en réxime de titoría-- pode ter un carácter investigador, creador, de afondamento nunha técnica ou nunha idea, de experimentación con novos materiais...

Na presente exposición, producida integramente pola EMAO, presentamos algúns dos proxectos dos/as alumnos/as que remataron os seus estudos no curso 2013-2014 e que, ao longo do curso seguinte, materializaron a súa proposta inicial, man a man co seu titor/a. Do proceso proxectual, recóllense aquí os resultados, os produtos creativos ou artesanais, que representan o froito parcial, unha mostra especial, da experiencia e o coñecemento vivido nas aulas e obradoiros ao longo dos seus estudos. En todos eles plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.  

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro  
Datas: do 13 de novembro ao 31 de decembro de 201
Inauguración: 13 de novembro ás 19:00 horas  
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas

(1) O Plan de Estudos ao que pertencen os proxectos que se mostran nesta exposición, foi substituído en 2015, por un novo Plan (PEMAO2015). A actividade Aula Aberta-proxectos, pasa, a partir do curso 2015-2016 a conformarse como un novo curso da especialidade (nivel Avanzado)

Ningún comentario:

Publicar un comentario